Inicio > Noticias > Remata o proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”
Dic
10
2018
Proxecto executado por Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación de A Coruña
Remata o proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”
Fundación Mujeres - Delegación Galicia
Nos obradoiros de sensibilización en igualdade e interculturalidade, realizados con alumnado de A Coruña e Culleredo, participaron un total de 239 nenos e nenas e 384 mozos e mozas de varios centros educativos de A Coruña e Culleredo

Entre setembro e decembro de 2018, Fundación Mujeres desenvolveu en A Coruña o proxecto "Igualdade, interculturalidades e convivencia en A Coruña", cofinanciado pola Deputación de A Coruña e que tivo como obxectivo contribuír á promoción dunha cidadanía global concienciada sobre a igualdade de xénero e a defensa dos dereitos humanos.

Este proxecto enmárcase dentro da estratexia de Fundación Mujeres en Educación para o Desenvolvemento ou Educación para a Transformación Social, traballando a igualdade de xénero desde unha visión na que se cruzan outros eixos de opresión, como a clase social, a etnia ou a nacionalidade.
 
A formación teórico-práctica impartiuse en tres centros de Educación Infantil e Primaria, con 239 alumnas e alumnos sensibilizados, e en tres Institutos de Educación Secundaria, nos que se traballou con 384 mozas e mozos. Os obradoiros tiveron moi boa acollida entre as persoas participantes, tal e como amosan os resultados obtidos nas avalizacións:
 
  • O 80% do alumnado de Educación Primaria participante nos obradoiros considera ter aprendido “moito” ou “bastante” sobre os contidos traballados durante as dúas sesións. Ademais, segundo as opinións das nenas e nenos, as actividades realizadas para dinamizar os obradoiros tiveron moito éxito: “A min o que me gustou foron os xogos que foron moi divertidos” “O que máis me gustou foi que aprendimos moitas cousas sobre como respectarnos, e os xogos foron moi divertidos” ou “O que máis me gustou foi o xogo dos animais e o xogo das tarxetas, e aprendín moitísimo con vós, douvos as gracias chicas. Explicachedes moi ben”.
  • En Educación Secundaria, o 62% do alumnado participante mostra un interese alto polos contidos abordados nas sesións. As mozas e mozos apuntan á necesidade de realizar obradoiros de maior duración e reforzar ou traballar outras temáticas: igualdade, sexualidade e diversidade sexual.
 
A partires do traballo realizado polas mozas e mozos nos obradoiros creáronse murais sobre as problemáticas existentes na sociedade e posibles solucións ás mesmas. A reflexión realizada polo alumnado participante serve para mostrar a realidade social existente, pero tamén para identificar propostas de mellora e recursos cos que todas e todos podemos traballar.
 
Ademais da difusión, realizouse unha guía práctica sobre os contidos traballados, así como unha infografía que serve de referencia para detectar os discursos que incitan ao odio, e que están baseados en estereotipos e prexuízos negativos sobre dos grupos aos que atentan. Deste xeito todas e todos podemos ser axentes de cambio, comezando polas redes sociais e seguindo polas reflexións nas nosas vidas.